VI Coñece o teu concello 2016

O Club Ciclista Carballo propón a celebración dunha serie de saídas en bicicleta como xeito de promoción do ciclismo e dunha vida saudable.

Ditas saídas faránse ó longo dunhas rutas previamente deseñadas, pensadas para que as poidan realizar persoas con distinta preparación física, en compañía de familia e amigos. Estas rutas non só promoveran o uso da bicicleta como medio de transporte, senón que tratarán de dar a coñecer o patrimonio natural, histórico ou artístico do Concello de Carballo. Por iso no momento de deseñalas teránse en conta aquelas zonas do concello con algún valor paisaxístico ou histórico.

As saídas previstas caracterízanse por ter unha duración aproximada de dúas horas e organízanse do seguinte xeito:

Concentración dos ciclistas: media hora antes da saída co fin de verificar o bo estado dos vehículos. Ademais aproveitarase este momento para a entrega de información da ruta a realizar, sendo posible facer unha explicación do percorrido e dos bens naturais e históricos que se van visitar.

Realización da ruta: os membros do Club Ciclista serán os encargados de encabezar a marcha e marcar un ritmo que todos os ciclistas poidan manter; ademais encargaránse de velar polo cumprimento das normas de tráfico e de axudar ós participantes. Durante o percorrido realizaranse paradas nas que se poida dar unha explicación dos bens visitados.

As saídas serán de dous tipos: unhas serán por estradas, mentres que outras discurrirán por pistas sen asfaltar, camiños, etc. Calquera das rutas nacen con vocación de permanencia, para que se poidan realizar non só nas saídas programadas, senón en calquera outro momento. Para dalas a coñecer serán moi útiles ademais dos trípticos e carteis impresos o aproveitamento da internet como medio de difusión. Os trípticos e carteis impresos ilustrarán o recorrido cun plano dos cruces a coller e os lugares destacados. Ademais incluirán información detallada dos bens naturais e histórico – artísticos polos que circula a ruta.

————-

RUTA 1: Sisamo, Goiáns, Cances, Oza

Sábado 2 de Abril.

Lonxitude: 19 quilómetros. Dificultade baixa

Partindo da praza do concello sáese en dirección Sísamo, alí pódese visitar o Pazo do Souto, O castro de Sisamo, a igrexa parroquial e atopamos tamén unha serie de vivendas e hórreos con interese histórico. Dende alí continúase cara Ramil para chegar a Goiáns, onde os ciclistas poderán ver a parroquial, o cruceiro e outros bens etnográficos. Dende alí voltaremos cara o lugar de Piñeiro, que alberga un fermoso cruceiro, dita estrada lévanos a San Martiño de Cances, onde visitaremos a parroquial e o cruceiro. Dende dirixirémonos cara Cances Grande, onde veremos exemplos de construcións típicas galegas, o cruceiro e o castro que alí se ubican. Xiraremos logo cara Oza, onde se atopa a parroquial e un interesante peto de ánimas. Durante a ruta pasaremos preto de outros bens coma os hórreos que hai en O Rodo, o castro de Oza…

Á saída da ruta entregaráselle información ós ciclistas dos bens que van a ver, ademais pódense realizar pequenas paradas xunto os bens máis destacados onde se lle dará unha explicación máis detallada.

————

RUTA 2: Artes, Sofán, Berdillo, Bértoa

Sabado 9 de Abril.

Lonxitude: 19.5 quilómetros. Dificultade: media

A ruta partirá da Praza do Concello e dirixirase cara Artes pola estrada que leva a Ordes, en Artes tomaremos o desvío cara Vilardefrancos, de camiño ó Pazo veremos a parroquial de Artes e o Pazo de As Pallas, ó final da estrada pola que circulamos chegaremos ó devandito Pazo de Vilardefrancos, uns dos monumentos máis senlleiros do concello. Dende alí xiraremos cara a Pontenova para alcanzar de novo a estrada de Ordes, tras cruzar dita estrada colleremos cara Sofán, para visitar a parroquial, o cruceiro e o castro. Voltaremos novamente á estrada de Ordes, ata coller o desvío cara Berdillo, en dita parroquia visitaremos a parroquial e os cruceiros. Dende Berdillo baixaremos ata Bértoa, veremos a igrexa e o cruceiro e xiraremos cara Carballo.

Ademais dos monumentos citados no camiño veremos algún hórreo, muíño, pozo, e ponte con valor etnográfico.

—————-

RUTA 3: Ardaña, Rus

Sábado 16 de Abril.

Lonxitude: 19 quilómetros. Dificultade: baixa.

A Ruta discorre en parte pola ruta de sendeirismo. Saímos da Praza do Concello cara o Bosque, imos paralelos ó Anllóns ata a Rúa Ameneiros, cruzamos cara a Brea e baixamos ata Aspaber. Seguiremos logo a ruta de sendeirismo ata o cruce que leva cara Vivente. Alí seguiremos de frente, abandonando a Ruta e dirixíndonos cara Barreiro, continuaremos logo pola pista que pasa por diante da parroquial de Ardaña e leva cara Quintáns. Cruzamos dito núcleo pola pista que se desvía cara arriba, tras varios quilómetros enlazamos novamente coa Ruta de sendeirismo, que continuaremos ata Nogareda, dende alí dirixímonos á igrexa de Rus, para logo continuar por estrada ata a Férveda de Rus. O regreso farémolo polas mesmas pistas que nos trouxeran ata alí no camiño de ida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AlphaOmega Captcha Classica  –  Enter Security Code