Volven as rutas ciclistas de “Coñece o teu Concello” que fomentan o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio

Coñeceoteuconcello2015_pres
Como cada primavera volven a Carballo as rutas ciclistas “Coñece o teu Concello”. Organizadas polo Club Ciclista Carballo Placasa coa colaboración do Concello e Carballo Deporte, teñen como obxectivo dar a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio nuns percorridos adaptados para a toda a familia que poden realizar todas as persoas maiores de 10 anos. As rutas transcorren entre o sábado 11 de abril e o sábado 2 de maio e contan cunha media de lonxitude de aproximadamente 20 quilómetros para facelas alcanzables para o maior número posible de afeccionados á bicicleta. Dende o Club, Juan Seoane explica que os percorridos están pensados para cubrir a maior parte posible do territorio carballés, e quixo animar a todos os veciños e veciñas a participar. Subliña a beleza da cuarta e última ruta, que discorre por pistas forestais na súa maior parte, “porque nela pode observarse a natureza propia de Carballo” e debe realizarse con bicicleta BTT. Entre algúns dos lugares de interese que poden observarse nas rutas, hai que subliñar o Pazo do Souto, a Igrexa de Santiago de Sísamo, a Igrexa barroca de San Breixo de Oca, o Pazo das Pallas, o Pazo de Vilardefrancos, a Férveda de Rus, a Igrexa de Santa María de Bértoa, ou o Peto de ánimas, ademais doutros templos, castros e cruceiros. Os interesados e interesadas en asistir tan só teñen que presentarse na Praza do Concello cada sábado que haxa ruta a partir das 16.00 horas e inscribirse no momento. A participación é de balde. Cada persoa recibe información da ruta e unha explicación do percorrido e dos bens históricos que se van visitar. A organización recomenda o uso do casco e tamén levar roupa de abrigo se o día non é soleado, así como auga e accesorios para reparar unha picada (cámara e bomba de aire). Cada ruta adoita contar cunha participación media de 50 persoas. En canto ás catro rutas que conforman esta nova edición de “Coñece o teu Concello”, son as seguintes:

  • Ruta 1: sábado 11 de abril. De 19 quilómetros de lonxitude e baixa dificultade, transcorre por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza.
  • Ruta 2: sábado 18 de abril. De dificultade media e 19,5 quilómetros, visita Artes, Sofán, Berdillo e Bértoa.
  • Ruta 3: sábado 25 de abril. Ten unha dificultade baixa e transcorre por Ardaña e Rus e visita a Férveda de Rus. Está especialmente dirixida a BTT (Bibicleta Todo Terreo).
  • Ruta 4: sábado 2 de maio. Repítese por segundo ano unha ruta BTT que transcorre polas rutas forestais e estradas do Concello e que pasa polos núcleos de Sísamo, Bas e Goiáns. A dificultade é media.

A presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanessa Loureiro, quere agradecer a colaboración dos patrocinadores, Panadería Añón, Escaiolas Seoane, donCLIC e Cartas Carballo, ademais do Concello, que fan posible que teña lugar a iniciativa, que xa cumpre cinco anos. Tamén agradece a participación de Protección Civil e a Policía Local que contribúen ao bo desenvolvemento das rutas. Tanto o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron felicitar ao Club polo seu labor, nomeadamente pola súa contribución para “dar a coñecer espazos patrimoniais e singulares do noso territorio”, en verbas de Ferrero.

cartel_conoce_o_Teu_concello2015

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AlphaOmega Captcha Classica  –  Enter Security Code